Friday 29 de March de 2024

Medio Ambiente colaborará con Mañón no acondicionamento dunha Senda Fluvial de 5km na zona de Ponte Segade


Ángeles Vázquez salienta que este tipo de actuacións poñen en valor o patrimonio natural dun concello e son un reclamo e aposta polo turismo sostible

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzoulle ao alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, que o seu departamento colaborará no acondicionamento dunha senda de 5 quilómetros na zona da área recreativa de Ponte Segade, ao carón do río Sor.

A conselleira e o alcalde mantiveron unha reunión na que repasaron os proxectos de interese para o municipio. Neste sentido, indicoulle a necesidade de contar cun proxecto no que se recollan as actuacións concretas que se poden levar a cabo, co obxectivo de que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural o informe e poida definir a colaboración no mesmo.

Ángeles Vázquez recordou que, tal e como puido comprobar nunha visita recente a este curso fluvial, a área que une Ponte Segade e a fervenza de Auga Caída é un exemplo do valor e da riqueza ambiental que atesoura este concello, polo que unha intervención planificada permitirá seguir poñendo en valor o patrimonio natural deste ámbito de Mañón.

A conselleira tamén animou ao alcalde a seguir adiante con este proxecto, porque ofrece alternativas de ocio para os seus veciños, habilitando espazos naturais nos que convivir e interactuar, e tamén son un atractivo para os visitantes, ao apostar por unha oferta de ocio de turismo sostible.

Asemade, recordou que este tipo de proxectos son acordes ao obxectivo que o Goberno galego se marca co Proxecto Mil Ríos, unha actuación que se enmarca nun dos retos do departamento de Medio Ambiente para os fondos europeos: a conservación e restauración de ecosistemas e biodiversidade en Galicia, entre os que se atopa o río Sor.

Outro dos temas abordados na reunión centrouse no eido urbanístico. O concello trasladoulle á conselleira a súa intención de redactar un plan especial dos núcleos litorais existentes no concello. Nese sentido, a conselleira brindoulle o asesoramento técnico da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio para guialos na elaboración desta ferramenta de ordenación urbana municipal.